Monday 29 de April de 2024

O eurodiputado Nicolás González reúnese coa militancia de Santiago e propón facer “un verdadeiro debate europeo” de cara as eleccións de xuño


Recalca a importancia de Europa nos grandes debates sobre o futuro dos sectores produtivos de Galicia: “o mundo do mar, a protección do sistema natural galego e a reindustrialización da nosa terra serán cuestións que levaremos desde o PSdeG”

O coordinador comarcal do Partido Socialista, Antonio Leira afronta as europeas como unha “oportunidade marabillosa” para sacar adiante grandes debates sobre o futuro de Galicia e Compostela

Aitor Bouza defende as “políticas verdes, inclusivas, de igualdade e con dereitos” como piares fundamentais dos socialistas no Parlamento Europeo.

O eurodiputado socialista Nicolás González Casares mantivo un encontro coa militancia de Compostela e comarca esta semana no que fixo balance dos últimos cinco anos no Parlamento Europeo e expuxo o seu proxecto de futuro co que aspira a continuar en Bruxelas. González Casares destacou o traballo feito nos últimos cinco anos marcados pola pandemia ou a crise enerxética, lembrando que el mesmo participou como poñente da reforma do mercado eléctrico que reclamara o PSOE.

Ademais, reivindica a defensa de Galicia “e dos seus sectores produtivos” como unha das prioridades dos socialistas galegos en Europa: “temos como reto a reindustrialización da nosa terra, con especial atención á transición enerxética e ecolóxica que pode xerar tanto emprego nas nosas vilas e cidades” afirma.

De cara as vindeiras eleccións do mes de xuño, González Casares propón facer un “verdadeiro debate europeo” sobre os grandes temas que compete a Europa “evitando caer nas garras do populismo como pretende o Partido Popular” critica. O eurodiputado pon como exemplos a xestión dos Fondos Europeos ou a protección do sistema natural de Galicia.

“Políticas verdes, inclusivas, de igualdade e con dereitos”: os piares dos socialistas nas próximas eleccións

No encontro coa militancia do Partido en Compostela e Comarca, participou tamén o coordinador comarcal, Antonio Leira, que destacou a importancia das vindeiras eleccións como unha “oportunidade marabillosa” para “sacar adiante asuntos de calado” nos que “Compostela e Galicia ten que estar”.

Tamén o secretario xeral dos socialistas, Aitor Bouza reivindicou o traballo feito por Nicolás González nos últimos anos: “temos que seguir apostando por unha Europa na que a cidadanía siga ampliando os seus dereitos e liberades, e iso conséguese da man de persoas como Nico” destaca. Neste sentido, defende que os piares fundamentais dos socialistas de cara ás europeas pasan por “seguir defendendo políticas fronte o cambio climático, políticas verdes e inclusivas, de igualdade e con dereitos”.

Bouza defende o proxecto “colectivo e solidario” que é Europa e insiste na necesidade de traballar “arreo” para levar a mensaxe dos socialistas de cara a estas novas eleccións fronte o “inmobilismo” ao que, censura, “nos quere someter o Partido Popular, non só o de España, senón o europeo da man da ultradereita”: “xa freamos á ultradereita, volveremos facelo”.

Deja un comentario